
Jéssica López Varela é concelleira de turismo, economía, industria e comercio no Concello de Ordes.
Estudou Administración e finanzas en Santiago de Compostela.
Dende 2019 é concelleira de Turismo en Ordes. Como chega á política?
Sempre me gustou axudar a resolver os problemas da xente, por iso cando o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, me propuxo formar parte da súa candidatura, nas listas do PP de Ordes, tiven claro que a resposta ía ser que si. Poder representar á veciñanza conleva traballo, dedicación e responsabilidade pero á algo gratificante.
Cales son os retos do turismo aos que se enfronta o concello de Ordes?
Sempre o digo. Ordes ten moitos recursos, pero case todos descoñecidos. Esa é, a un tempo, a nosa fortaleza e a nosa debilidade. Desde sempre, Ordes é coñecido como un lugar de paso, entre a Coruña e Santiago.
O reto pasa, evidentemente, por conseguir que Ordes deixe de ser un lugar de paso e a xente descubra e desfrute de todo o potencial que ofrece o noso municipio.
Fálame un pouco dos referentes turísticos do concello
Son moitos, pero descoñecidos para unha gran maioría: gastronomía, escenarios para reconectar coa natureza e despexar a mente, clima suave, entornos repletos de historia, un excelente tramo do Camiño de Santiago, en breve unha vía verde polo antigo trazado ferroviario, unha oferta turística de calidade a prezos aínda competitivos, por citar só algúns exemplos.
Que importancia ten o Camiño Inglés para a proxección turística do concello?
Resulta fundamental por moitas razóns. Como sabe, todas as proxeccións apuntan a que o Camiño Inglés, que discorre por varias parroquias de Ordes, é unha das rutas xacobeas con maior potencial de crecemento a curto prazo. De feito xa o foi nos últimos anos. E tanto desde o Concello, como desde o tecido económico do municipio, queremos aproveitar este potencial.
Dispoñemos dun albergue de peregrinos recentemente posto en servizo logo da rehabilitación da antiga casa reitoral de Poulo, conectado á súa vez coa vila mediante unha senda peonil. Pero ademais, Ordes conta con numerosas prazas de aloxamento e establecementos de restauración aos servizo de peregrinos e turistas, que agardamos vexan incrementada a súa actividade nestes dous anos xacobeos, unha vez consigamos superar a covid-19 e, con ela, recuperar a normalidade.
Como poden contribuír a Xunta e o propio concello de Ordes para conseguir un xacobeo máis “eco”?
Niso estamos. Ordes e un concello absolutamente comprometido co desenvolvemento sustentable e a preservación do noso medio natural. Proba diso son o cambio de alumeado en diferentes zonas do Concello para a mellora enerxética, o coche híbrido co que os axente da policía local poderán velar pola protección do medio ambiente entre outras accións.

Cree que as empresas do sector servizos (hoteis, bares, restaurantes, albergues, etc.) do concello debe comprometerse para impulsar un modelo turismo máis sostible?
Sen dúbida, e xa o están facendo, tanto pola súa propia concienciación, como polas diferentes campañas e medidas impulsadas desde as Administracións públicas. As prácticas sustentables, a concienciación ecolóxica, as enerxías limpas chegaron para quedarse.
Hoxe en día estase a facer unha aposta moi forte polo consumo de produtos locais ou Km 0 e Ordes e un dos referentes agrogandeiros de Galicia. Neste bieneio xacobeo 2021-2022 serán moitos os peregrinos que percorran o Camiño Inglés e de seguro estarán desexosos de comer produtos tradicionais típicos da zona. Que destacaría da gastronomía de Ordes?
Por unha parte quero subliñar a calidade dos pratos da nosa oferta gastronómica, consecuencia, en boa medida, da alta calidade da materia prima local, sexan carnes, ovos, lácteos ou produtos da horta.
E, por outra, o bo facer dos nosos profesionais da hostalería, que con traballo calado e moito esforzo, ofrecen unha oferta gastronómica de moi alta calidade, unhas veces con receitas que foron pasando de xeración e xeración, e outras a través da innovación levada aos fogóns.
Como pensa que será o modelo turístico postcovid? Terá un efecto positivo sobre o medio?
O futuro é incerto por definición e haberá que ver como evoluciona a situación, mais existe unha certa coincidencia, en que o futuro post-pandemia pasará por un maior respecto á natureza, mesmo con modelos arquitectónicos máis sustentables e conectados co medio natural; unha aposta polo consumo de produtos ecolóxicos e de proximidade; e, por suposto, a extensión do teletraballo, que seguramente desconxestionará as cidades e poñera en valor as contornas rurais ou periurbanas, escenarios nos que Ordes xoga con vantaxe.
No ámbito do turismo xa se fala abertamente do slow travel, como contraposición ao turismo de masas que imperou ata o de agora. O tempo dirá.