Miguel Pazos Otón é licenciado en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais é doutor pola USC cunha tese titulada “Movilidad de la población en la Galicia occidental: el eje urbano atlántico gallego”.
A súa dilatada traxectoria unida ao basto coñecemento do territorio galego en materia de turismo fan que sexa unha persoa máis que cualificada para falar das repercusión medioambientais dos Camiños de Santiago no territorio galego.
Na actualidade é profesor titular de Xeografía humana na USC, unha función que compaxina con traballos de investigación nas áreas de Xeografía do transporte e xeografía do turismo.
O bienio xacobeo 2021-2022 vai a mobilizar, se as condición sanitarias os permiten, a centos de miles de persoas cara Santiago de Composta. Esta alta concentración de persoas debe ser canalizada dun xeito adecuado para evitar impactos negativos sobre do medio. Neste senso:
¿Cales son os retos do turismo sostible e cales son as vías que proporía?
O turismo ha de ser sostible necesariamente, e moito máis en tempos de pandemia. O principal reto quen ten nestes momentos o turismo é voltar aos niveis previos á crise provocada pola pandemia da covid-19, e facelo dentro dos parámetros da tripla dimensión da sustentabilidade: desde o punto de vista económico, social e ambiental. O problema é que estamos nun escenario sanitario moi complexo, que xa dura case un ano, de pandemia, cunha situación moi cambiante, no que o turismo é un dos sectores de actividade económica máis afectados. Neste contexto, os establecementos turísticos están moi condicionados por circunstancias externas das que dependen totalmente. A garantía de seguridade sanitaria en todos os establecementos turísticos é sen dúbida a principal vía a través da cal se pode intervir, e iso está plenamente asumido por todos os actores, cun compromiso total neste senso pola posta en marcha de medidas de hixienización e sanitización nos establecementos.
Cree que o plantexamento turístico xacobeo actual responde a os criterios modelo sostible ambiental e paisaxísticamente falando?
O fenómeno do Xacobeo implica a chegada de importantes números de visitantes, turistas e peregrinos, por definición. Desde a aparición da pandemia, a administración automómica tivo que adaptar o programa de celebracións planeadas e os principais eventos ás actuais circunstancias sanitarias. Isto implica, dende logo, unha diminución dos eventos físicos e unha limitación cuantitativa de aforos e fluxos. Nos últimos anos víñase falando dunha certa masificación do Camiño Francés, o que producía algúns impactos ambientais no territorio. O momento actual constitúe unha boa oportunidade para reflexionar sobre aspectos como os que puxo sobre a mesa a Declaración de Villafranca del Bierzo, das Asociacións dos Camiños de Santiago. A Xunta de Galicia está traballando efectivamente na descentralización e diversificación dos fluxos turísticos ao longo de todos os Camiños de Santiago. O Camiño Francés é o máis simbólico, coñecido e frecuentado, pero é importante persistir nesta liña de diversificación cara outros camiños como o Portugués, a Vía da Prata, o do Norte, o Primitivo, etc. Así conseguirase un maior reparto da presión ambiental e paisaxística sobre o territorio.
Como pensa que será o modelo turístico postcovid? Terá un efecto positivo sobre o medio
O modelo turístico post-covid vai ser o resultado da aprendizaxe e interiorización de certos elementos que pouco a pouco imos interiorizando. A calidade consolidarase como o principal parámetro a ter en conta polo cliente-turista. Esta calidade implica non só o cumprimento de todos os estándares de sanitización e hixienización, senon un trato personalizado, a flexibilidade á hora de facer as reservas e anulalas ou cambialas e a comunicación constante entre empresario e cliente.
Antes da pandemia xa existía unha sensibilidade crecente en relación cos efectos negativos da masificación e a saturación turísticas. A actual situación convertirá isto nun elemento central do modelo turístico post-covid. A maiores, moitos turistas están descubrindo durante a pandemia as bondades e o atractivo dos destinos turísticos en espazos abertos, ao aire libre. As baixas densidades de poboación certamente minimizan o risco de contaxio, o que explica que o turismo da natureza, o ecoturismo e outras modalidades teñan unha grande potencialidade, porque chegarán para quedarse dentro do abano de preferencias do consumidor e turista. O efecto positivo do auxe do turismo en espazos naturais é evidente. Se grazas ao turismo se consegue fixar poboación no medio rural, e evitar o seu abandono, isto redundará nun maior coidado das paisaxes rurais, do monte, etc. Un rural activo e coidado por poboación que viva nel é un grande activo para evitar calamidades como os incendios forestais, e é a maior garantía dun medio rural vivo.
Como poden contribuír a Xunta e os propios concellos do camiño para conseguir un Xacobeo máis “eco”.
Dentro dos requerimentos do “ecolóxico” existen unha serie de clichés e tópicos que poden impedir percibir o que é realmente importante. En moitos casos, o “green washing” é unha estratexia que se emprega para comercializar produtos vendéndoos como verdes ou ecolóxicos. Na actualidade as certificacións de calidade turística teñen en conta aspectos concretos relacionados coa calidade ambiental xa, pero é preciso dar un paso máis alá e apostar por verdadeiros sistemas voluntarios de calidade ambiental e ecolóxica, que estimulen o compromiso de empresarios turísticos e tamén dos propios clientes, que sexan quen de privilexiar o facer turismo en establecementos comprometidos co medio ambiente e a conservación.
Polo que se refire ás prácticas turísticas cotiás, é importante concienciar ao turista da importancia do cumprimento dunha serie de cuestións básicas, como facerse cargo dos residuos que eles mesmos xeneran, minimizar a utilización de plásticos, etc. Hai un longo camiño que percorrer, que se debe facer pola vía da cooperación, sensibilización e educación ambiental.
Cree que o sector empresarial debe comprometerse a fomentar un turismo sostible?
Sen dúbida, e é evidente que o sector empresarial xa está facendo ese esforzo. Se algo nos está ensinando a pandemia é que debemos apostar por un crecemento planificado, controlado e proporcionado. O crecemento sen fin e sen límites non produce resultados positivos a longo prazo. A masificación, a banalización e a creación de experiencias turísticas seriadas provoca unha perda de calidade, o que a medio e longo prazo evidentemente non é sostible. A pandemia está poñendo de manifesto a necesidade de redefinir o que somos, de implicar máis á poboación local, aos produtos locais, de ter raíces no territorio, de recuperar as verdadeiras esencias que fan que o turista veña a Galicia, e que sempre se tiveron en conta. Agora se cabe é preciso reforzar este enfoque aínda máis, seguindo nesta liña. Para o éxito do turismo é necesaria a cooperación público-privada, e o compromiso tanto so sector público como do privado. O Clúster de Turismo de Galicia é, en boa medida, a materialización do compromiso do sector empresarial co fomento dun turismo sostible e de calidade, da man da administración.
Que papel xogan os produtos locais, non so os de alimentación senón todos aqueles feitos en Galicia e que xeren un valor engadido para o territorio, no modelo turístico actual?
Os produtos locais deben seguir desempeñando un papel clave no modelo turístico de Galicia. É evidente que Galicia é percibida fóra como un destino que ofrece unha excepcional calidade nos seus produtos agroalimentarios e gastronómicos. A comida é sempre un dos grandes motivos polos que o turista segue elixindo Galicia, e non só pola elaboración, senon tradicionalmente pola excelencia da calidade dos produtos do mar e da terra. De cara a fixar poboación e dinamismo no medio rural, a aposta por unha economía baseada na elaboración de produtos de calidade é estratéxica. A clave está, unha vez máis, na calidade e non tanto na cantidade.
Galicia é percibida fóra como un destino que ofrece unha excepcional calidade nos seus produtos agroalimentarios e gastronómicos
Os Camiños de Santiago permiten a circulación lenta de persoas por toda Galicia, cunha grande permeabilidade territorial. Son persoas, ademais, moi receptivas a dialogar co territorio e a abastecerse de produtos locais. Evidentemente, todo isto crea unhas excelentes condicións para a venda in situ en torno ao Camiño, pero tamén para o desenvolvemento de novos produtos, como o enoturismo, o oleoturismo, etc, que teñen xa un importante percorrido noutros territorios europeos. Algo semellante pode e debe acontecer cos produtos non agroalimentarios, nomeadamente a artesanía, que se perciben como un marcador de tradición e saber facer tradicional en Galicia, e son susceptibles de ser comercializados en torno aos Camiños. A venda directa debe complementarse tamén cunha presenza activa e atractiva en Internet. Moitos turistas e peregrinos non poden ou non desexan cargar coas compras ao longo das súas camiñadas; porén, ao chegar aos seus lugares de residencia poden estar dispostos a mercar online os produtos que viron nos seus percursos vacacionais nos Camiños de Santiago.
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, tamén coñecidos como Obxectivos Mundiais, adoptáronse por todos os Estados Membros en 2015 como un chamado universal para poñer fin á pobreza, protexer o planeta e garantir que todas as persoas gocen de paz e prosperidade para 2030. Os 17 ODS están integrados, xa que recoñecen que as intervencións nunha área afectarán os resultados doutras e que o desenvolvemento debe equilibrar a sustentabilidade medio ambiental, económica e social.
Que opinión lle merece esta iniciativa do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD)?
Como todas as iniciativas de dimensión planetaria, e neste caso procedente das Nacións Unidas, entendo que os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible deben ser un marco de referencia que debemos ter todos presente. O ideal, obviamente, sería acadalos no prazo marcado, no 2030. Creo que hai que traballar nesta dirección claramente. Ademais deben ser sempre unha referencia para calquera política que fagamos, para calquera plan que ideemos e para calquera actuación que pretendamos facer e que abranga á sociedade e ao territorio.
Pensa que a día de hoxe hai unha translación directa destes obxectivos nas políticas que se están a implementar no territorio galego?
En boa medida, hai unha asunción crecente destes obxectivos en toda política que desenvolven as diferentes administracións no territorio galego. Galicia e España forman parte activa da Unión Europea, e ese debe ser o noso marco de traballo. O multilateralismo e a cooperación interestatal e internacional deben ir sempre dirixidas a plasmar os Obxectivos do Milenio do xeito máis fiel posible no territorio e na sociedade que habita nel.