Coñecer todas as especies que conforman o Xardín Botánico-Artístico de Padrón xa é posible cun só click a través da páxina web de turismo. O equipo do departamento de Turismo do Concello de Padrón elaborou unha extensa guía con todas as especies que compoñen a paisaxe deste enclave único da vila padronesa.

O catálogo distingue cinco categorías –especies singulares, especies monumentais, especies conmemorativas, por descubrir e elementos monumentais- para resumir todo o patrimonio natural e cultural desta área. Este arquivo é froito dun minucioso traballo realizado polos técnicos de turismo da localidade.

O xardín Botánico-Artístico de Padrón, declarado Ben de Interese Cultura en 1946, é un dos principais reclamos da localidade polo amplo abanico de especies que contén e porque está considerado como un dos principais xardíns da xeografía española. Ten unha extensión de aproximadamente 1 hectárea e preserva preto de 300 especies, algunhas tan singulares como a palmeira de Senegal, a coroa de Cristo, o castiñeiro de Indias, o carballo fastigiado ou a secuoya vermella –hai dúas-.

Por motivo da pandemia da Covid-19 paráronse as visitas guiadas que tradicionalmente se facían a través da Oficina de Turismo, tanto con turistas e peregrinos como co alumnado dos centros educativos da zona. Con todo, o xardín botánico constitúe un dos principais reclamos para turistas e visitantes.

Tags: , , ,