O abandono rural que están gran parte do territorio español é algo que tamén está afectando á comunidade galega. Este baleirado do campo implica un incremento de biomasa ao non reducírense os aproveitamentos do solo tradicionais vencellados ás actividades agrogandeiras

Para atallar este problema hai quen contrata máquinas rozadoras que fan un traballo mecánico e moi agresivo co entorno e hai quen pon en marcha ideas moito máis sostibles. Este é o caso de Camilo ou o que é o mesmo, Cabrizanca, que comezou coas cabras como unha alternativa para non ter que rozar cada ano unha propiedade familiar que se atopaba a monte. A raza galega conquistouno e hoxe leva xa 8 anos cunha pequena gandería a tempo parcial, da que comercializa os cabritos tanto para a vida como pola súa carne.

Foi na feira Semana Verde onde Camilo Mato viu por vez primeira as cabras autóctonas galegas, gustáronlle e xa comezou a darlle voltas á idea de comprar un par delas. Coñecidas pola súa capacidade para manter baixo control a vexetación, Camilo viu nas cabras unha oportunidade para limpar unhas leiras familiares que cada ano tiñan que rozar mecanicamente.

Todos os anos un sobriño encargábase dese traballo, pero comezamos a valorar que coas cabras podiamos ter a leira limpa todo o ano sen ter que rozala

Comenta Camilo

Optaron entón por comprar un par de cabras e un macho. Diso hai xa 8 anos e hoxe Camilo e a súa muller, María Teresa Fernández, teñen unha pequena gandería de cabras autóctonas.

A escasos metros do polígono do Tambre (Santiago, A Coruña), nunha parcela urbana de preto de 1,5 hectáreas viven as cabras de Cabrizanca. Contan cunhas 10 nais reprodutoras e adoitan criar uns 25 cabritos ao ano.

Son cabritos 100% galegos criados de maneira natural

Comenta Camilo

Ao longo destes anos como gandeiro, Camilo foi profundando nos coñecementos sobre a raza, a crianza e as particularidades dos seus animais tanto da man doutros criadores como da Federación de Razas Autóctonas (Boaga), da que son socios, e coa súa propia experiencia.


Lugar: Santiago de Compostela
Email: cmatvar@hotmail.com

Tags: , ,