O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (F.I.X.A) foi inaugurado no ano 2010, é foi pioneiro na Península xunto co Festival de Xardíns de Ponte de Lima en Portugal.
Este festival, conta con tres hectáreas de zonas verdes a carón do río Arnoia, nas que se mesturan arte e natureza creando un espazo para a contemplación e a imaxinación do visitante.
Un espazo verde que mantén durante todo o ano unha estrutura fixa a que se renova cada primavera. A través dun concurso, doce xardíns asignados á creatividade e á innovación de paisaxistas de todo o mundo participan no F.I.X.A.
O Festival é un concurso de ideas e deseños de xardinería expostos de maio a outubro a beiras do río Arnoia xestionado polo Concello de Allariz.
Esta iniciativa singular pretende ofrecer a todos os veciños e veciñas a posibilidade de desfrutar dun novo espazo recuperado para uso público, na marxe dereita do río Arnoia. Coa súa realización damos un paso moi importante na consecución do Corredor Temático do río Arnoia que fai do noso río un elemento de identidade, de ocio, de gozo da natureza e tamén de dinamización económica.
Francisco García Suárez (director do Festival Internacional de Xardíns de Allariz)
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) coroa as infraestruturas do Parque etnográfico e serve de enlace entre os muíños e as fábricas de coiros e as modernas instalacións da hípica, o cámping e a cidade deportiva. O complexo do Briñal e o suxestivo percorrido dun Arnoia encaixado, augas abaixo, son a meta á que o FIXA lle marca o camiño. Faino incorporando moitos dos elementos que definen o proxecto Allariz: patrimonio, natureza, innovación e sentido práctico.
Dende a súa creación en 2010, o festival medrou en superficie e contidos. Os 13.000 metros cadrados da primeira fase rondan hoxe os 38.000; ademais, as doce parcelas para exhibición de deseños temporais incorporaron espazos de ton diferente, como un aparcadoiro – o sentido práctico, de novo – e unha grande área libre, ao estilo dos grandes parques ingleses.