As persoas participantes no obradoiro Camiño de Santiago I, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 350.000 euros, están a poñer en valor a ruta xacobea ao seu paso polos municipios de Palas de Rei, Monterroso e Portomarín, tanto desde o punto de vista da promoción como con actuacións de mantemento e conservación de xardíns e espazos naturais.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe aos alumnos-traballadores en Palas de Rei, onde teñen previsto actuar nos Chacotes e en zonas verdes da travesía do Peregrino, a praza de Galicia e as avenidas de Lugo e Compostela.
Tamén traballarán na área recreativa de Airexe (Ligonde), no municipio de Monterroso; e en varios xardíns de Portomarín -nas contornas das igrexas de San Pedro e San Nicolás e nos parques Manuel de Blas e Parabéns-.
Arias explicou que ademais do módulo de mantemento de espazos verdes, que conta con catorce persoas alumnas, o obradoiro imparte a especialidade de promoción turística local e información aos visitantes, con seis participantes. O taller conta con cinco persoas nos postos de dirección, administración e docentes -dous de xardinaría e un de turismo-.
A iniciativa ten unha duración de nove meses e, posteriormente, a Xunta concede incentivos para contratar a catro dos participantes en empresas da contorna por un período mínimo de tres meses.
Arias animou ao alumnado “a aproveitar ao máximo este tempo de aprendizaxe para saír despois a buscar traballo ou a emprender un proxecto empresarial propio avalados pola vosa formación, que é a mellor carta de presentación posible”, apuntou.
Ademais de facilitar o acceso ao mercado laboral das persoas desempregadas, os obradoiros constitúen un instrumento de colaboración cos concellos para mellorar servizos e infraestruturas municipais. “Neste caso”, dixo Arias, “darán un pulo ao Camiño de Santiago nun momento no que temos a vista posta no Xacobeo 2021-2022 como un dos piares máis importantes para dinamizar a nosa provincia cando as circunstancias sanitarias permitan reactivar o turismo”.